Tes un negativo en branco e negro?

CONVOCATORIA CLUB SINSAL LABORATORIO

O Festival Sinsal abre a convocatoria de recepción de NEGATIVOS EN BRANCO E NEGRO para a súa selección e posible exhibición dentro do programa de actividades do Club SinSal, co propósito de recuperar, difundir e poñer en valor un patrimonio que constitúe unha das máis claras representacións da expresión popular do século XX: a fotografía feita por afeccionados.

O obxectivo desta convocatoria é proporcionar a toda a xente que conserve nos seus fogares negativos en BRANCO E NEGRO a oportunidade de revelalos e compartilos nunha exhibición pública no CLUB SINSAL LABORATORIO, que terá lugar o próximo 14 de abril no MARCO de Vigo, e que se encadra dentro das actividades organizadas polo Festival Sinsal.

Se tes algún negativo en BRANCO E NEGRO dos teus avós, teus pais ou algún familiar, ou coñeces alguén que os teña, non o dubides, anímate, ponte en contacto connosco e ven a compartilo ao Club SinSal do Festival Sinsal.

A presente convocatoria réxese de acordo coas seguintes bases:

REQUISITOS

Poderán participar todas aquelas persoas que o desexen e que posúan
algún negativo en branco e negro. Admitirase un máximo de dous negativos
por persoa.

LUGAR E PRAZO DE ENTREGA

O prazo de admisión de negativos ábrese o luns 12 de marzo e finaliza o
venres 6 de abril.

Os negativos deberán entregarse en man, no seguinte enderezo:

MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Enderezo: Príncipe 54, 36202 Vigo
Contacto: persoal de taquilla
Horario: Martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 14:30 e de 17:00 a 21:00. Domingos de 11.00 a 14:30

En caso de non poder desprazarse ao centro da cidade de Vigo, póñase en
contacto connosco en info@sinsalaudio.org, co asunto “Club Sinsal Laboratorio”, e xestionaremos a mellor forma de recoller os materiais.

DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR

Cada negativo deberá ir acompañado dunha ficha na que se fará constar a
seguinte información:

*Obrigatorio **Opcional

*Nome do depositante:
*DNI:
*Teléfono de contacto:
*E-mail:

**CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS
Ano:
Autor:

**INFORMACIÓN ADICIONAL
Descrición:
Localizacións:
Algunha curiosidade?:

SELECCIÓN

Unha vez recollidos todos os negativos, haberá un proceso de selección,
cuxo principal criterio será o seu estado físico. Valorarase como aspecto
positivo a degradación natural do negativo polo paso do tempo.

A dirección do festival establecerá a orde de positivado de cada negativo.

EXHIBICIÓN

Os negativos serán revelados (positivo) publicamente, acompañados da actuación musical dun grupo en directo, dentro das actividades programadas polo Club SinSal que se levarán a cabo o día 14 de abril no MARCO de Vigo.

A inscrición dos negativos é un acordo mediante o cal os participantes outorgan o seu consentimento ao Festival Sinsal para positivar en público unha ou dúas copias da fotografía sen dereito a contraprestación económica e aceptando as condicións do Festival Sinsal.

Todo o proceso de exhibición será documentado mediante vídeo e fotografías, e os participantes ceden os dereitos de imaxe para a súa difusión vía Internet ou mediante calquera outro soporte para divulgación das actividades do Festival.

ACCESO

O acceso ao conxunto de actividades do Club SinSal realizarase mediante pagamento da entrada fixada pola organización.

DEVOLUCIÓN

A organización devolverá os negativos aos seus propietarios nun prazo de sete días despois da finalización da exhibición pública.

O Festival Sinsal faise responsable de calquera deterioro ou extravío dos negativos que poida producirse dende o momento da entrega na taquilla do MARCO ata a súa devolución.

ACEPTACIÓN DAS BASES

A inscrición dun negativo implica a plena aceptación das bases e
condicións que regulan a presente convocatoria.

2 comentarios

  • #1 13.03.12 por Roberto Carbajo Nogueira

    Hola, ¿Necesitades positivadores? Son alumno de Xosé Gago, fotógrafo e investigador fotoquímico de Marín, Pontevedra. Teño amplia experiencia no revelado, positivado e virado de negativos, así como de técnicas históricas (carbón directo, goma bicromatada, albúmina, etc)
    Se o necesitades podo enviarvos o meu curriculum vitae.
    Recibide un cordial saudo.
    Roberto Carbajo

  • #2 13.03.12 por Julio

    Ola Roberto,

    se queres participar, traer algún negativo e positivalo, por suposto, o espazo está pensado para todos vós.

    Sen a vosa axuda e compromiso esto non sería posible. Polo que só podo dicirch: ánimo e contamos contigo!!!

Envia un comentario