#SinsalSonEG mellor festival pequeno formato 2015

Sinsal Son Estrella Galicia foi nomeado "mellor festival de pequeno formato 2015" na Segunda Edición dos Premios Fest celebrada o pasado 28 de outubro no Museo Guggenheim Bilbao, dentro do Congreso de Festivales do Bizkaia International Music Experience (BIME).

Desde Sinsalaudio felicitamos á organización pola celebración deste evento, que ten como principal obxectivo refrexar o papel dos festivais na industria musical e cultural da actualidade. E extendemos o noso agradecemento ao xurado e o público que apostou por nós e concedeunos este recoñecemento tan especial.

Tamén, queremos asociar este premio aos finalistas Villamanuela (Madrid) e FuzzVille (Benidorm), cos que compartimos afinidades, e hacia todos aqueles festivais –pequenos e grandes–, que traballan cada ano para sacar adiante unha nova edición. A todos, desexámoslle moita sorte no 2016.

Unha gran familia está detrás deste "micro festival" das Rías Baixas. Amigas e amigos, grandes profesionais e pequenas empresas de deseño, produción e loxística, que traballan –ou traballaron– en Sinsal.

Por suposto, os principais patrocinadores: Estrella Galicia, dos que levamos con ilusión o seu nome; e New Balance, marca de gran prestixio internacional, con distribución para toda a Península Ibérica desde Redondela.

Sinsal San Simón non sería posible sen a axuda e a colaboración das institucións públicas, que confían neste evento tan especial: a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación» Universitaria da Xunta de Galicia e a Axencia Galega das Industrias Culturais, AGADIC; Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra; e o Concello de Redondela, poboación onde están localizadas as Illas de San Simón e San Antón e boa parte da fermosa Enseada de San Simón.

Especial ilusión fainos a relación coa Universidade de Vigo e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, cos que realizamos diferentes actividades antes, durante e despois de San Simón.

Sinsal Son Estrella Galicia é un evento concentrado durante unha fin de semana, pero extensible ao resto do ano. É importante lembrar que este festival estacional e itinerante naceu –e medrou– na cidade de Vigo. Todos estos anos tivemos o apoio doutras institucións ás que o noso nome está incondicionalmente ligado: o Concello de Vigo, que leva doce anos apostando polo Festival Sinsal; e o Museo de Arte Contemporánea MARCO cos que temos o pracer de traballar desde o seu nacemento no ano 2002.

Con trece anos de historia, e centos de concertos e actividades detrás, son moitas as persoas e empresas que colaboran e axudan cada ano nesta celebración. Empresas como Red Bull, Gadis, Coca Cola, Sirvent, Cafés Sabora, hoteis e restaurantes de Redondela e Vigo, etc.

Unha mención especial merecen os medios de comunicación, sen o seu traballo non teríamos a posibilidade de achegarnos a miles de persoas. Tanto os medios tradicionais como os dixitais teñen sido moi xenerosos durante todo este tempo de enormes e profundos cambios na comunicación. Os xornalistas son parte de Sinsal Son Estrella Galicia e con eles esperamos ter un brindis especial no ano 2016.

Outro recordo para a organización Festivales Rías BaixasPortAmérica, Festival Do Norte e O Marisquiño– cos que iniciamos este novo proxecto en favor da cultura e o territorio.

Quédanse nomes detrás e pedimos desculpas pero todas e todos, presentes e ausentes, son parte deste premio.

Para o final, o noso principio: o público e os artistas. O Festival Sinsal leva comprometido con todos eles desde o seu nacemento, marcando unhas pautas case únicas no mundo dos festivais de música: apostar por grupos inéditos en Galicia; apoiar artistas todavía por consolidar na súa traxectoria; e non repetir protagonistas porque hai moitas propostas que merecen ter esta oportunidade. Todas estas premisas forman parte da identidade do festival.

Moitas grazas a tod@s.

Envia un comentario