Nace o Club SinSal, un novo concepto de Festival

Nace o Club SinSal

Un novo concepto de festival, de intervención, de colaboración, de participación. Un festival á carta, aberto á colectividade, en progresión e itinerante. Unha proposta pensada para a rede social e que debe
empezar, ou rematar, nela. Porque o Club SinSal é un espazo de relación e comunicación.

Obra Colectiva

Pensado desde o presente para revivir o pasado e proxectar o futuro.
Intervimos coas novas tecnoloxías na recuperación, valor e exhibición do pasado, actualizando as emocións dun tempo remoto como novo incentivo na sociedade dixital da noso era. Trátase de expor as sensibilidades doutra época partindo dun discurso contemporáneo da arte e, ademáis, xerando documentación por e para a cidadanía de hoxe e do mañá.

Laboratorio de creación aberto

Buscar, experimentar, crear, documentar, conservar, son
algunhas das accións vivas que estarán presentes en cada unha
das seccións abertas do Club. Un conxunto de propostas onde a
música adquire outro protagonismo máis aló da sala de
concertos efémera. Porque o Club SinSal nace coa necesidade de
innovar fronte a un modelo esgotado de exhibición que fixo
da representación un evento pasivo.

Espazos de socialización

Se a cultura é unha necesidade, non o é menos xerar espazos de encontro.
Entendemos, que nos tempos actuais a oferta cultural debe favorecer e potenciar este tipo de plataformas abertas á socialización. É unha
prioridade romper as barreiras conceptuais e xestionar diferentes
posibilidades que impliquen a públicos alleos á cultura especializada.

Inauguración os días 14-15 de abril no Museo MARCO de Vigo.

Envia un comentario