Festa Disimulen: Das Kapital + Volontè en A Coruña

O Disimulen, programa semanal de cultura crítica que dirixe e conduce o xornalista Iago Martínez en Cuac FM dende outubro de 2012, e que comezou no Sinsal San Simón de 2012, despide a súa primeira tempada cun dobre concerto na sala Mardi Gras da Coruña este sábado 20 de xullo. Os composteláns Das Kapital, probabelmente o comando sonoro máis importante do momento en Galicia, con permiso dos xa veteranos Triángulo de Amor Bizarro, protagonizan o cartel canda o trío coruñés de improvisación libre Volontè. A apertura de portas está prevista para as 22 horas e as entradas pódense adquirir a 6 euros en Compostela (A Reixa Tenda) ou na propia cidade herculina (Portobello e Discos Noni’s). O día do concerto, na billeteira da sala, venderanse a 8 euros.

O programa complétase con outro acto ás 20 horas, neste caso de entrada libre e gratuíta, na Casa da Fariña, a sede da cooperativa Hábitat Social no número 6 da Praza de Azcárraga. Alí presentarase, tamén por primeira vez na Coruña, o proxecto de Discos da Máquina, un selo discográfico pouco convencional que os compoñentes de Das Kapital comparten cos de Ataque Escampe, Grampoder, A Magnifique Bande dos Homes sen Medo e, dende esta semana, con outras dúas bandas: The Lost Omelette-Makers e Caxade.

Das Kapital, autodenominados "célula agit-prop electrónica", constituíronse na primeira metade de 2011 con Marcos Paino aos mandos do aparato electrónico, Leo Fernández Campos (O Leo) na voz e o xornalista e poeta Daniel Salgado nos sintetizadores e as letras. Xunto a eles, David Ageitos (guitarras), Doutor Chou (guitarras e sintetizadores), Tomás Ageitos (produción) e Xosé Carlos Hidalgo (deseño gráfico). Así foi como naceu Ruído negro (2011), o seu debut, autoeditado baixo licenzas Creative Commons e difundido cunha magnífica edición limitada en vinilo. Perforador, xélido e deliberadamente ruidoso. Violento e de culto.

Os composteláns invocaban no seu primeiro traballo os espectros de Walter Benjamin, Einstürzende Neubauten, Lois Pereiro –a cuxo poema Narcisismo poñían música, nunha versión moi distinta da que fixeran Radio Océano nos anos 80–, Programme, o dramaturgo alemán Heiner Müller ou Nine Inch Nails. E axiña se fixeron un oco no cartel na décima edición do Festival Sinsal e en varios recopilatorios e volumes colectivos, como A tribo toda baila, homenaxe aos Resentidos que cadrou co regreso dos de Antón Reixa.

Grecia (2013), publicado xa no catálogo de Discos da Máquina, ispe e combate ao mesmo tempo o seu predecesor. Mellor armado e máis coherente que Ruído negro, o segundo de Das Kapital lembra as atmosferas enfermizas de Third Eye Foundation sen deixar de lado o krautrock e a tradición disidente da música industrial de Einstürzende Neubauten. Grecia responde á época con taladros, ouveos, metal incandescente e corrente alterna. Porque os repertorios, así na música como na loita política, deben cambiar.

Antes dos composteláns subirá ao escenario da Mardi Gras o trío de noise e improvisación libre Volontè, formado hoxe por Miguel Prado e os irmáns Rafael e Roberto Mallo, batería e técnico respectivamente de Triángulo de Amor Bizarro. Unha turba de percusión primaria conducida polo feedback e a depravación electrónica que se deixa ver en directo moi de cando en vez, malia a estar en activo, con diferentes formacións, dende 2006. Este ano teñen previsto publicar o seu segundo disco.

Envia un comentario