Despega "Outros Sons"

Unha iniciativa da Xunta para poñer en valor o patrimonio arquitectónico galego

O MUSEO DO MAR E O PROVINCIAL DE LUGO ÁBRENSE ESTA FIN DE SEMANA Á MÚSICA CONTEMPORÁNEA

A banda norteamericana Barbez, protexida do heterodoxo jazzista John Zorn, estrea o domingo a programación máis arriscada do ciclo Espazos Sonoros

O espectáculo, unha homenaxe ao poeta xudeu Paul Celan, trae a Galicia a Pamelia Kurstin, a maior virtuosa do théremin do mundo

Vigo, 18 de abril de 2008.- A música contemporánea entra por primeira vez no Museo do Mar de Vigo e no Museo Provincial de Lugo. O programa Espazos Sonoros organizado pola Consellaría de Cultura e Deporte, unha iniciativa que pretende poñer en valor o patrimonio material de Galicia levando a música a diferentes lugares de interese arquitectónico, cultural e paisaxístico do país e que se inaugurou o pasado 9 de abril na igrexa de Santa María a Maior de Iria-Flavia (A Coruña), estrea esta fin de semana un dos seus cinco ciclos, o dedicado á música experimental. O protagonismo será para Barbez, un singular proxecto liderado polo norteamericano Dan Kaufman e abenzoado polo prestixioso John Zorn, animador, produtor e editor do seu último traballo, Force of Light (2007), unha homenaxe ao poeta xudeu Paul Celan. As dúas citas con este diálogo entre a música contemporánea e a poesía, un descenso ás experiencias límites da soidade e a represión do nazismo, serán este domingo en Vigo e o luns en Lugo, a partir das 20.00 horas e 21.00 horas respectivamente, e totalmente de balde.

No concerto de Vigo participará outras das grandes sorpresas das sonoridades galegas polas que sempre apostamos. Nesta ocasión a oportunidade será para Vale Tudo. O dúo lucense fará a súa estrea na cidade de Vigo presentando a súa innovadora e desmarcada proposta.

Envia un comentario