Carlos Suárez en la espectacular Casa Forte de Lusío, Samos, LUGO.

Carlos Suárez é paisaxista sonoro e traballa para o colectivo Escoitar.org facendo gravacións de campo por toda Galicia, buscando aqueles sons máis interesantes e, sobre todo, identificando os que están en perigo de extinción. A partir destes sons gravados, e seguindo os postulados da chamada música concreta, Carlos Suárez manipúlaos e organízaos para integralos nas súas propias composicións, empregando para isto instrumentos singulares, de percusión e vento, procedentes de moi diferentes partes do mundo.

Para esta cita ineludible coa paisaxe sonora buscouse a paisaxe natural e arquitectónica dun espazo no que se mesturan modernidade, funcionalidade e tradición: a Casa Forte de Lusío, en San Cristovo do Real, Samos.

Mércores 17 de agosto << Carlos Suárez >> 19.00 h

A CASA FORTE DE LUSÍO

Trátase dunha mansión nobre, con brasón, dous andares, torre cadrada de lousa, enmarcado granítico nas súas ventás e cornixa moldeada por toda a fachada, que foi fundada por Lope Vázquez de Vilamexe e a súa dona Leonor Alfonso de Balboa en 1551. A edificación actual é exemplo da arquitectura tradicional galega e data do século XVIII.

Vencellada ao camiño de Santiago, a casa está situada nunha fermosa paraxe, nun alto con vistas ao val de Samos. Pertence aos monxes da abadía beneditina de Samos e, en 2006, debido ao seu mal estado de conservación, fóronlle cedidos á Xunta de Galicia os dereitos de xestión do conxunto, por un período de 55 anos.

As obras de restauración e consolidación do inmoble iniciáronse en 2008 e, na actualidade, está rehabilitado como albergue para peregrinos. Ademais prevese a instalación dun museo dedicado ao matemático, físico e político Vicente María Vázquez Queipo de Llano (1804 1893), intelectual e científico que naceu e viviu nesta casa na que incluso comezaría os seu estudos, que logo continuou nos xesuítas de Monforte de Lemos até que ingresou, en 1820, na Universidade de Valladolid para estudar dereito, matemáticas e ciencias experimentais.

Envia un comentario