Buscamos negativos e fotógrafos para Sinsal é Normal

CONVOCATORIA SINSAL É NORMAL LABORATORIO

O Festival Sinsal é Normal abre a convocatoria de recepción de NEGATIVOS EN BRANCO E NEGRO para a súa selección e posible exhibición dentro do programa de actividades do Festival Sinsal é Normal, co propósito de recuperar, difundir e poñer en valor un patrimonio que constitúe unha das máis claras representacións da expresión popular do século XX: a fotografía feita por afeccionados.

O obxectivo desta convocatoria é proporcionar a toda a xente que conserve nos seus fogares negativos en BRANCO E NEGRO a oportunidade de revelalos e compartilos nunha exhibición pública no Festival Sinsal é Normal, que terá lugar os próximos 2, 8 e 19 de novembro en NORMAL, o espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña, e que se encadra dentro das actividades organizadas polo Festival Sinsal é Normal.
Se tes algún negativo en BRANCO E NEGRO dos teus avós, teus pais ou algún familiar, ou coñeces alguén que os teña, non o dubides, anímate, ponte en contacto connosco e ven compartilos ao Festival Sinsal é Normal.

A presente convocatoria réxese de acordo coas seguintes bases:

REQUISITOS

Poderán participar todas aquelas persoas que o desexen e que posúan algún negativo en branco e negro. Admitirase un máximo de dous negativos por persoa.

LUGAR E PRAZO DE ENTREGA 
 
O prazo de admisión de negativos ábrese o luns 8 de outubro e finaliza o luns 19 de novembro.

Os negativos deberán entregarse en man, no seguinte enderezo: 
NORMAL Espazo de intervención cultural
Universidade da Coruña
Paseo de Ronda 47
15011 A Coruña
Teléfono 981 167 000 extensión 4502
O horario de entrega será de 10 a 22 horas, de luns a venres.

En caso de non poder desprazarse ao centro da cidade, póñase en contacto connosco en info@sinsalaudio.org, co asunto “Sinsal é Normal. Laboratorio”, e xestionaremos a mellor forma de recoller os materiais. 

DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR

Cada negativo deberá ir acompañado dunha ficha na que se fará constar a seguinte información:

*Obrigatorio **Opcional

*Nome do depositante:
*DNI:
*Teléfono de contacto:
*E-mail:

**CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS

Ano:
Autor:

**INFORMACIÓN ADICIONAL

Descrición:
Localizacións:
Algunha curiosidade?:

SELECCIÓN

Unha vez recollidos todos os negativos, haberá un proceso de selección, cuxo principal criterio será o seu estado físico. Valorarase como aspecto positivo a degradación natural do negativo polo paso do tempo. 
A dirección do festival establecerá a orde de positivado de cada negativo.

EXHIBICIÓN

Os negativos serán revelados (positivo) publicamente, acompañados da actuación musical dun grupo en directo, dentro das actividades programadas polo Festival Sinsal é Normal, que terá lugar os próximos 2, 8 e 19 de novembro en NORMAL, o espazo de intervención cultural da UDC. 
A inscrición dos negativos é un acordo mediante o cal os participantes outorgan o seu consentimento ao Festival Sinsal é Normal para positivar en público unha ou dúas copias da fotografía sen dereito a contraprestación económica e aceptando as condicións do Festival Sinsal é Normal.
Todo o proceso de exhibición será documentado mediante vídeo e fotografías, e os participantes ceden os dereitos de imaxe para a súa difusión vía Internet ou mediante calquera outro soporte para divulgación das actividades do Festival.

ACCESO

O acceso ao conxunto de actividades Festival Sinsal é Normal no seu apartado Laboratorio é gratuíto até completar aforo.

DEVOLUCIÓN

A organización devolverá os negativos aos seus propietarios nun prazo de sete días despois da finalización da exhibición pública. 
O Festival Sinsal é Normal faise responsable de calquera dano ou extravío dos materiais que poida producirse dende o momento da súa entrega en NORMAL até a súa devolución. 

ACEPTACIÓN DAS BASES

A inscrición dun negativo implica a plena aceptación das bases e condicións que regulan a presente convocatoria. 

Envia un comentario