Arranca Espazos Sonoros 2009

O HOSTAL DOS REIS CATÓLICOS ACOLLE A INAUGURACIÓN DO FESTIVAL DE MÚSICA ‘ESPAZOS SONOROS’ CUN CONCERTO DA FORMACIÓN TASTO SOLO

Nesta segunda edición, ‘Espazos Sonoros’ conta con interesantes propostas como a do grupo instrumental Tasto Solo que estreará na inauguración, o mércores día 15 de abril, na capela do Hostal dos RR.CC., unha produción de música e danza do século XIV, coa colaboración do zanfonista Germán Díaz e dos bailaríns e coreógrafos Véronique Daniels e Carles Mas i García.

O festival, organizado pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, prolongarase ao longo dos meses de abril, maio e xuño cun total de 88 concertos que se desenvolverán en 27 espazos repartidos a través de toda a xeografía galega e nos que participarán un total de 36 formacións.

A cidade de Santiago contará novamente coa Igrexa da Universidade como escenario de ‘Espazos Sonoros’, con cinco excepcionais concertos a cargo da contemporaneidade de Jean-Luc Guionnet e Seijiro Murayama, o Pop-folk de Lonely Drifter Karen, a instrumentalidade barroca de Ensemble Kapsberger, o laúde de Jozef van Wissem, e os ouds palestinos de Le Trio Joubran.

88 CONCERTOS >>> 27 ESPAZOS >>> 36 FORMACIÓNS

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2009.

O Hostal dos Reis Católicos convírtese no escenario do concerto inaugural dentro da programación do festival ‘Espazos Sonoros’ que organiza a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura. A apertura do mesmo terá lugar na capela do Hostal, onde aqueles que se acheguen poderán disfrutar e descubrir o esplendor da arte instrumental gótica que nos ofrece o grupo Tasto Solo. A personificación da melodía a través da danza e a recuperación da symphonía medieval serán os ingredientes esencias para o achegamento dunha nova forma de senti-la música e o espazo.

Tasto Solo nace co ambicioso propósito de restituir unha das antigas culturas instrumentais máis fascinantes e descoñecidas dos nosos días. Novas lecturas das fontes, unidas a un traballo altamente experimental, levan a ensemble á recuperación dos máis importantes repertorios de teclado dos séculos XIV e XV. Ao seu lado, a arpa gótica, e a zanfona medieval da man de Germán Díaz, á que o grupo quixo nesta ocasión dar unha especial relevancia dentro do seu persistente proxecto de reconstrución e recuperación da ampla familia de instrumentos de teclado medievais. O programa conta coa colaboración excepcional da parella de bailaríns composta por Véronique Daniela e Carles Mas, dous dos máis importantes especiallistas da danza antiga que xunto a Tasto Solo presentan novas coreografías para o repertorio do século XIV.

Envia un comentario