A derradeira fin de semana de Música en Branco

- Unha Feira Artesá para decubrir a que soan os oficios.

Entender, compartir, rexistrar e difundir o ambiente xerado ao redor das relacións comerciais coma un ben patrimonial dos nosos barrios. Con estes obxectivos en mente, o colectivo TANKollectif, xunto con NIQUELARTE, abrirá este sábado 23 no Mercado das Conchiñas unha Feira Artesá desenvolvida para Música en Branco. Trátase dun encontro no que compartirán espazo tanto a cidadanía coma unha serie de oficios tradicionais. “Haberá tapiceiros, palilleiras, reloxeiros, xoieiros… Todos eles ocuparán os postos baleiros do mercado das Conchiñas para amosar o seu traballo”, sinala María Ríos, integrante xunto a Fátima Ruiz de TANKcollectif.

- Non te cortes coa ópera’ achega a lírica á veciñanza da man de Mónica de Nut.

Ópera na perruquería. A terceira intervención, prevista para o sábado 23 de novembro, consistirá en levar a ópera á perruquería. Mónica de Nut cantará ás portas dun salón de beleza, mentres os e as profesionais dos peiteados traballan. Deste xeito, crearase un ambiente diferente nun espazo tan rutineiro como son as perruquerías deste barrio. A intención neste apartado tamén é establecer conversas de memoria musical cos clientes e perruqueiros.

Microópera da formiga e do formigón. “Será unha intervención coral, na que haberá figuración e coros. A xente achegada do barrio poderá participar, aceptaranse voluntartios”, sinala De Nut. Para a ocasión, o polifacético artista Carlos Santiago elaborou unha serie de cancións e letras baixo o título Microópera da formiga e do formigón, cuxo letimotiv se centra nesa fronteira entre o urbano e o rural que resulta máis visible na contorna do Ágora. Os veciños que participen poderán facelo coa súa propia voz ou con obxectos domésticos para formar parte do singular coro deste apartado final do proxecto. O domingo 24, contra ás 12.00 horas, nas inmediacións do Centro Ágora concluirase Non te cortes coa ópera cunha intervención musical cooperativa.

Envia un comentario